O 80% dos casos de desnutrición nas súas formas máis agudas concéntranse en tan só 20 países do mundo, concretamente en África subsahariana e nalgunhas zonas do sur de Asia.
Médicos Sen Fronteiras é unha organización de acción médico-humanitaria que asiste a persoas ameazadas por conflitos armados, violencia, epidemias ou enfermidades esquecidas, desastres naturais e exclusión da atención médica. A acción humanitaria é un xesto solidario de sociedade civil a sociedade civil, de persoa a persoa, cuxa finalidade é preservar a vida e aliviar o sufrimento doutros seres humanos: esta é a súa razón de ser.
As intervencións en emerxencias nutricionais son unha constante ao longo da historia de Médicos Sen Fronteiras. En 2023, trataron a 499.539 menores de cinco anos con desnutrición severa nos seus programas ambulatorios en todo o mundo e a outros 161.023 que tiveron que ser hospitalizados.
A desnutrición infantil é unha enfermidade que se pode curar e ten un custo moi baixo. Grazas aos seus programas poden tratala e conseguir que os nenos e nenas recuperen o seu peso medio en menos de 8 semanas.
Nesta campaña colaborarase con Médicos Sen Fronteiras na alimentación á infancia en situación de vulnerabilidade.