Máis de oito anos despois do inicio do conflito, a situación de Siria estase convertendo nunha das peores crises humanitarias no mundo. Os nenos e nenas sirias están sendo sometidos a situacións de extrema violencia que impacta directamente na súa supervivencia, desenvolvemento e benestar.
Unha proporción significativa da poboación, estimada en preto de 13 millóns de persoas en situación de necesidade, continúa dependendo da axuda humanitaria para salvar as súas vidas e evitar unha deterioración crítica da súa situación. Estímase que 5,6 millóns de nenas e nenos requiren asistencia humanitaria e 493.000 viven en áreas asediadas ou de difícil acceso.
Un informe de UNICEF mostra que máis do 20% das mulleres embarazadas e en período de lactación presentan desnutrición moderada, e aproximadamente o 5% dos nenos e nenas padecen desnutrición aguda moderada. Máis de 3 millóns de nenos menores de 5 anos requiren apoio nutricional, incluídos case 20.000 nenas e nenos que sofren desnutrición severa aguda.
Zonas como Raqqa, algunhas áreas en Idlib e zonas rurais de Aleppo sofren unha gran prevalencia de desnutrición, a anemia é común entre nenos e nenas e as prácticas para unha alimentación infantil óptima víronse limitadas. Por exemplo, un de cada catro nenos en Idlib ten un crecemento insuficiente para a súa idade.
A cobertura dos servizos de nutrición segue sendo insuficiente debido a que se conta con recursos limitados, que deben ampliarse de xeito inmediato, especialmente para nenos e nenas lactantes e menores de 5 anos así como intervencións relacionadas coa nutrición materna.