Coas doazóns recibidas estas organizacións poderán reforzar as actividades e servizos que se describen a continuación para chegar a máis persoas e que os seus servizos sexan máis estables e permanentes.
Máis de 160.000 persoas conviven coa enfermidade de Párkinson en España e un de cada cinco afectados ten menos de 50 anos. Cada ano diagnostícanse uns 900 novos casos de Esclerose Lateral Amiotrófica e cada 5 horas un novo caso de Esclerose Múltiple, sendo en total máis de 40.000 afectados por esta última. O 10% das persoas maiores de 65 anos e o 50% das persoas maiores de 85 anos ten Alzhéimer no noso país.
As entidades FAGAL (Federación Alzhéimer Galicia), FEGADEM (Federación Galega de Esclerose múltiple), Federación española de Párkinson, FUNDACION LUZON, e EM EUSKADI (Esclerose Múltiple Euskadi), son exemplos de entidades sen ánimo de lucro que acompañan aos pacientes e as súas familias. Por iso en EROSKI queremos colaborar con estas entidades para que xuntos podamos axudar ao maior número de afectados posible para mellorar a calidade de vida das persoas afectadas e as súas familias.
FAGAL, a Federación Alzhéimer Galicia está composta por 15 asociacións que establecen unha rede de centros que prestan servizos a preto do 85% da poboación de Galicia. As entidades suman máis de 5.000 familias asociadas. Coas doazóns recibidas levarán a cabo talleres de estimulación cognitiva mantendo a autonomía persoal, así como conservando habilidades preservadas. Dado que esta enfermidade tamén afecta á persoa coidadora, nestes talleres ofrecerase apoio e orientación a familiares, tratando de diminuír a súa sobrecarga emocional e física a través de atención psicolóxica e formación.
FEGADEM, a Federación de Esclerose Múltiple de Galicia naceu a principios do ano 2011 cando as Asociacións Galegas decidiron constituírse nunha Federación de asociacións sen ánimo de lucro, coa "finalidade de garantir a calidade de vida das persoas afectadas por Esclerose Múltiple e das súas familias". A Federación leva a cabo diversas actividades e servizos. En concreto, coa axuda do programa solidarios de EROSKI financiarase o Programa nutricional e de vida saudable para persoas afectadas de esclerose múltiple, un servizo de asesoramento nutricional en cada unha das entidades que forman parte da Federación. Doutra banda, complementarán o programa talleres de exercicio físico que contribúan a manter un bo estado físico das persoas afectadas, con terapias alternativas como poden ser ioga ou pilates.
A Federación Española de Párkinson, FEP, é unha entidade sen ánimo de lucro con 25 anos de experiencia en mellorar a calidade de vida das persoas con párkinson e a súa contorna familiar e de coidados. Representa ao movemento asociativo a nivel nacional e interaccionan, acollendo a 67 asociacións e máis de 12.800 afectadas e afectados. Estas doazóns axudarán ao proxecto de Párkinson Rural. Este proxecto busca incidir e transformar a realidade das persoas que forman parte do colectivo párkinson nas contornas rurais e contribuír a que estas persoas, as súas familias e/ou persoas coidadoras, vexan melloradas as súas capacidades para a convivencia coa enfermidade. A través de diversas accións de información e sensibilización, co apoio das asociacións de párkinson que traballan no terreo, pretendemos crear redes comunitarias máis sólidas en contornas rurais máis illadas, cunha poboación envellecida, e cun acceso máis complicado aos recursos sociosanitarios, nas que se integren todos os axentes implicados na abordaxe da enfermidade, como as asociacións de párkinson, profesionais de medicina de atención primaria e de farmacia comunitaria, profesionais do traballo social e animación sociocultural e a administración pública local e provincial.
FUNDACIÓN LUZÓN, é unha organización independente, sen ánimo de lucro e dedicada por completo á mellora das condicións de vida dos pacientes con ELA e os seus familiares. En España hai ao redor de 4.000 enfermos de ELA e só o 5,6% poden contratar un coidador profesional. Os céntimos solidarios serán unha importante axuda para a plataforma EscuELA. Un programa de formación que se ofrece de maneira gratuíta, destinado a coidadores e profesionais relacionados co mundo da ELA. O seu obxectivo é dotar de todos os coñecementos, aptitudes e actitudes necesarias para poder tratar e acompañar aos afectados durante todo o proceso da enfermidade.
ESCLEROSE MÚLTIPLE EUSKADI é unha entidade benéfico - asistencial, que traballa desde 2001 para mellorar a calidade de vida das persoas con Esclerose Múltiple en Euskadi. Teñen diversas liñas de actuación, desde a sensibilización, apoio da investigación ata o traballo en rede con todos os axentes implicados. Coa colaboración deste programa, a entidade poderá asegurar a rehabilitación para mellorar a calidade de vida das persoas afectadas de Euskadi. Nos Centros de Rehabilitación Integral trabállase a través dunha atención especializada, rehabilitadora, psicolóxica e social. Para iso, débese contar cunha infraestrutura que sexa capaz de asegurar que dita atención integral personalizada dispoña de profesionais capaces de identificar as necesidades, planificar a intervención e garantir que as persoas usuarias sexan capaces de desenvolver estratexias co fin de mellorar a súa calidade de vida.
Esta campaña do programa Céntimos Solidarios de EROSKI colaborará con persoas con enfermidades neurodexenerativas para poder reforzar e manter activos os programas de apoio e asesoramento de FAGAL (Federación Alzhéimer Galicia), FEGADEM (Federación Galega de Esclerose múltiple), FEP (Federación española de Párkinson) Fundación Luzón, e EM Euskadi (Esclerose Múltiple Euskadi).
Coa axuda que se espera conseguir con esta campaña, estímase que se axudará a 8.574 persoas enfermas.
