Colaborar para axudar á infancia en situación de vulnerabilidade a través dos proxectos da Fundación Meniños, a Fundación Dentistas Sobre Ruedas, Caritas Bizkaia e Cruz Roja.
Os nenos e nenas son o futuro da sociedade, e o seu benestar e o seu coidado é de suma importancia para poder construír un mundo máis xusto. Porén, no noso país e segundo datos do último informe AROPE, 34 de cada 100 nenos atópanse en risco de exclusión social, unha situación crítica que impón múltiples barreiras á súa vida e pleno desenvolvemento, propiciando situacións desfavorables como que os máis pequenos teñan máis dificultades á hora de ter acceso a toda unha serie de necesidades básicas como educación, alimentación saudable, hixiene bucodental, lecer saudable…
A falta de acceso ao xogo afecta ao desenvolvemento integral de nenos e adolescentes, especialmente aqueles en situacións de vulnerabilidade. Segundo o estudo "Efectos de la falta de juego en la infancia", o 84% dos nenos de 1 a 3 anos e o 88% dos de 4 a 6 anos exceden o tempo de exposición a pantallas recomendado, reducindo o tempo dedicado ao xogo libre (Fundación Crecer Jugando e AIJU, 2023). Esta tendencia limita o desenvolvemento de habilidades sociais, cognitivas e emocionais esenciais. Ademais, a falta de contornas seguras e de adultos que comprendan e respondan ás necesidades dos menores impide que exerzan o seu dereito ao xogo, fundamental non só para o desenvolvemento saudable, senón tamén para detectar e reparar situacións de risco e trauma.
Igualmente, a escasa rede de apoio relacional dos menores en situación de pobreza e vulnerabilidade social afecta ás súas capacidades persoais, sociais, educativas, afectivas e familiares, polo que é importante brindarlles axuda para que poidan adquirir hábitos de estudo, habilidades sociais, valores como o respecto e a convivencia, así como hábitos saudables de alimentación e hixiene. Entre estes últimos destaca tamén a importancia de coidar da saúde bucodental, xa que unha boca sen dentes pode ser un elemento de discriminación, de xeración de inseguridade e pode ser un freo á hora de socializar e/o atopar un posto de traballo.
Así mesmo, as necesidades infantís que conleva a crianza a miúdo complican aínda máis a situación económica xa fráxil das familias en situación de vulnerabilidade e pobreza. A adquisición de material escolar, produtos materno-infantís, vacinas non cubertas polo sistema, alimentación, os recursos informáticos para poder realizar trámites e seguir contidos didácticos, etc. comportan gastos a miúdo inasumibles.
A loita contra a pobreza infantil e a preocupación por romper a transmisión interxeracional da pobreza e a exclusión social ocupan un papel cada vez máis destacado. Priorizar a intervención temperá e o apoio ás familias é clave para poder garantir un desenvolvemento integral dos pequenos e brindarlles un futuro mellor.
Coas doazóns recibidas, estas organizacións poderán reforzar os proxectos que se describen a continuación.
Fundación Meniños
A Fundación Meniños traballa polos dereitos da infancia e a adolescencia en situación de dificultade social, promovendo contornas familiares seguras e afectivas onde medrar con benestar. O Proyecto CANCHA: Juégatela con la Infancia busca garantir o dereito ao xogo de menores en contextos de exclusión social. A través de actividades deportivas e de lecer, favorécese o seu desenvolvemento integral nunha contorna segura, creando un vínculo coa comunidade e cos profesionais que lles brindan apoio. As actividades ofrecen experiencias que contribúan á reparación emocional e social, potenciando o benestar, a súa autoestima e vínculos. O foco está na diversidade, adaptando cada proposta a cada participante. Ademais, foméntase a participación das familias, para fortalecer os lazos afectivos dentro do fogar.
Fundación Dentistas Sobre Ruedas
A Fundación Dentistas Sobre Ruedas ocúpase de mellorar a calidade de vida de persoas con poucos recursos económicos, achegándolles a saúde bucodental, a atención primaria e a sensibilización en saúde e valores para a solidariedade e a tolerancia. Perséguese fomentar a saúde e axudar na inserción social. O proxecto Comer para Sonreír. Educación para la Salud bucodental busca mellorar a educación en saúde bucodental, co fomento dunha alimentación saudable, non carioxénica, e promover valores de solidariedade entre nenos e nenas en situación de vulnerabilidade en Mallorca. Recoñecendo a importancia da saúde oral e do desenvolvemento de valores humanos desde a infancia, propoñen talleres para colexios públicos de contornas vulnerables, e para centros que ofrecen servizo a familias en risco de exclusión social.
Caritas Bizkaia
Caritas traballa coas persoas máis necesitadas da sociedade a través de programas para a súa promoción. Xunto coas Administracións Públicas e con outras Institucións, contribúe á erradicación da exclusión social. O proxecto Apoyo socioeducativo a infancia vulnerable está dirixido a menores de 6 a 14 anos pertencentes a familias en situación de vulnerabilidade, e engloba diferentes áreas: hixiene e alimentación, apoio escolar, tempo libre e lecer educativo, habilidades para a vida e educación en valores. Ditas áreas trabállanse a través da organización do tempo da actividade: merenda, apoio escolar e tempo libre. Ademais, realízase acompañamento ás familias e coordínase a intervención con outros axentes e servizos vinculados a cada familia (Servizos Sociais, centros educativos etc.).
Cruz Roja
Cruz Roja é unha institución humanitaria de carácter voluntario e interese público que ten entre os seus fins a difusión e defensa dos dereitos humanos fundamentais, a atención ás persoas e colectivos máis vulnerables da nosa sociedade e a promoción e colaboración en accións de solidariedade e benestar social en xeral e de servizos asistenciais e sociais, con especial atención a colectivos e a persoas con dificultades para a súa integración social. O proxecto Primera infancia comprende actuacións dirixidas a apoiar ás familias en situación de vulnerabilidade social que están a criar e educando a nenos/a de 0 a 6 anos, para que respondan ás necesidades da crianza neste tramo de idade fundamental para o desenvolvemento humano: apoio material, intervención psicolóxica e social e servizos de conciliación.
Esta campaña do programa Céntimos Solidarios de EROSKI colaborará coa Fundación Meniños, a Fundación Dentistas Sobre Ruedas, Caritas Bizkaia e Cruz Roja. Coa axuda que se espera conseguir con esta campaña, estímase que haberá un total de 8.610 beneficiarios.
Fundación Meniños (web da entidade).
Fundación Dentistas Sobre Ruedas (web da entidade).
Caritas Bizkaia (web da entidade).
Cruz Roja (web da entidade).
