Axudar aos maiores en situación vulnerable, a través de Cruz Vermella, Grandes Amigos-Adinkide, Lares-Acolle e Fundación Mallorca Integra. Coas doazóns recibidas estas organizacións poderán reforzar as actividades e programas dirixidos a eles e que se describen a continuación.
Máis de dous millóns de persoas maiores viven soas en España. Unha circunstancia que pode supor un risco para o benestar e a saúde cando se combina con outros factores, como dificultades de mobilidade, fraxilidade física, problemas crónicos de saúde, residencia en infravivendas ou con barreiras arquitectónicas, pensións baixas e ausencia de vínculos afectivos e de redes de apoio veciñal ou familiar. Aumentou tamén o número de persoas maiores en risco de exclusión social. Por todo iso, é necesario garantir o seu dereito á alimentación e axudarlles a que socialicen, saian de casa, recuperen as súas rutinas e vivan experiencias saudables que dean sentido a súa vida.
A través de entidades como Cruz Vermella, Grandes Amigos - Adinkide, Lares-Acolle e Fundación Mallorca Integra axudaremos as persoas maiores en situación vulnerable, que se atopen en situación de illamento ou soidade non desexada e teñan dificultades físicas ou psíquicas.
Cruz Vermella RESPONDE, pretende reducir os efectos da pandemia COVID-19, e para iso, desde Cruz Vermella adaptaron os seus servizos e actividades á actual situación de recuperación das persoas máis vulnerables durante esta pandemia, apoiando como auxiliar dos poderes público e tratando de asegurar a continuidade das respostas á poboación e especialmente ás persoas maiores en situación de especial vulnerabilidade. Coa axuda dos céntimos solidarios e a través do programa “Responde”, axudan a cubrir as necesidades básicas de alimentación e hixiene das persoas maiores en situación vulnerable.
Fundación Mallorca Integra nace en 2018 coa misión de desenvolver estratexias que permitan mellorar as condicións e calidade de vida das persoas con diversidade funcional, mozas en situación de vulnerabilidade social, persoas maiores e outras persoas en situación ou risco de exclusión social. Co seu programa Mou-te! pretende paliar algunhas das consecuencias derivadas dos meses de confinamento. Ofrecen sesións deportivas e de mantemento físico semanais nos parques públicos de tres barrios de Palma co obxectivo de promover a autonomía das persoas, ofrecer espazos seguros de encontro e previr a fraxilidade e a soidade. Coa campaña de EROSKI, poderán amplialo a máis barrios da cidade.
Grandes Amigos-Adinkide atende e acompaña as persoas maiores en risco ou situación de soidade. Esta ONG de voluntariado, de ámbito estatal e fundada en 2003, achégalles compañía, apoio afectivo e actividades saudables creando vínculos de amizade e veciñanza con persoas voluntarias, ademais de loitar polos dereitos da poboación maior. A través dos céntimos solidarios contribuirase ao proxecto Maiores en Compañía, un programa que mellora a vida das persoas maiores en situación de illamento e/ou con dificultades físicas ou psíquicas, ofrecéndolles apoio afectivo e un tempo de compañía e diversión. A axuda traducirase en acompañamento afectivo nos seus domicilios e en residencias por parte dun voluntario/a e en actividades de lecer para socializar, como merendas, encontros de barrio, talleres, excursións ou visitas culturais.
Lares-Acolle foi constituída en Santiago de Compostela o 29 de xuño de 1995, agrupando residencias de maiores pertencentes a Fundacións, Asociacións, Concellos e outras entidades con denominador común de ausencia de lucro, configurándose a súa vez como Asociación e Entidade Prestadora de Servizos Sociais. Actualmente agrupan 12 residencias e centros asociados, repartidos por toda a xeografía galega, atendendo a un total de 929 residentes. O proxecto que desenvolverán cos céntimos solidarios é o de “Envellecemento activo”, que consiste na dinamización dun Club de lectura fácil e realidade virtual para os maiores das nosas residencias.
Con esta campaña de doazón de céntimos solidarios de EROSKI desenvolveranse ou reforzarán diferentes programas de axuda aos maiores en situación de vulnerabilidade a través das entidades Cruz Vermella, Grandes Amigos-Adinkide, Lares-Acolle e Mallorca Integra
