Coas doazóns recibidas, estas organizacións poderán reforzar os proxectos que se describen a continuación.
Fundación ANAR
O proxecto Atención a la salud mental de niños/as y adolescentes a través de las Líneas de Ayuda ANAR facilita aos nenos, nenas e adolescentes un espazo seguro, confidencial e anónimo, no que poidan expresar libremente aquilo que lles ocorre, sentíndose escoitados e respectados por un equipo de profesionais que lles axudará a buscar as mellores alternativas de solución aos seus problemas.
É un servizo gratuíto, de atención 24 horas, 365 días ao ano, que funciona de forma confidencial atendendo os problemas de todos os nenos/as e adolescentes que o necesitan. As peticións de axuda relativas a saúde mental poden ser por diversos motivos relacionados: conduta suicida, autolesións, ansiedade e adiccións, entre outros.
Confederación SALUD MENTAL ESPAÑA
HUB Genera Faenando Futuro é unha plataforma xeradora de redes e propostas de emprendemento e innovación social, para revitalizar o emprendemento de forma proactiva e colaborativa de mulleres con discapacidade psicosocial ou problemas de saúde mental na contorna rural.
A través do traballo en rede, busca crear e escalar solucións a problemas sistémicos ao inspirar, conectar e permitir que entidades e organizacións relacionadas co medio rural, a muller e a discapacidade traballen xuntas en contornas de colaboración e constrúan conxuntamente ecosistemas empresariais e sociais resilientes, creando comunidades de aprendizaxes e saberes, xerando oportunidades a través da arte e a creación e do fomento do emprendemento.
Saúde Mental FEAFES Galicia
O Proxecto Mara consiste no desenvolvemento dun programa de intervención integral dirixido a mulleres cun problema de saúde mental, orientado a mellorar a súa calidade de vida, fomentar a súa autonomía persoal e promover a súa inclusión social e comunitaria. Mediante un enfoque centrado na persoa e con perspectiva de xénero, deseñaranse itinerarios de intervención personalizados para responder ás necesidades específicas de cada participante, tendo en conta a súa situación persoal, social e familiar.
Para iso, lévanse a cabo sesións de traballo individuais e grupais que inclúen accións de apoio, orientación, asesoramento e formación en diferentes áreas clave: psicoeducación en saúde mental, apoio socio comunitario para participar na contorna e crear redes de apoio, empregabilidade e inserción laboral.