Cada ano diagnostícanse no mundo máis de 20 millóns de novos casos de cancro segundo a OMS, unha cifra en aumento que fai que esta enfermidade se converta nun importante problema de saúde pública.
Afortunadamente, grazas á investigación e ao desenvolvemento de novas terapias e iniciativas, as opcións de recuperación e de ter unha boa calidade de vida para as persoas afectadas son cada vez maiores.







Colaborar para proporcionar axuda a persoas con cancro a través dos proxectos da Asociación Navarra de Cáncer de Mama (SARAY), a Asociación Galega de Persoas Trasplantadas de Médula Ósea e Enfermidades Oncohematolóxicas (ASOTRAME), a Asociación la Sonrisa Médica, a Fundación OC contra el Cáncer e a Fundación Unoentrecienmil.
Estímase que, ao longo de 2026, en España diagnosticaranse máis de 300.000 novos casos de cancro (Sociedad Española de Oncología Médica). Para as persoas afectadas, este diagnóstico sitúaos nunha nova realidade abafadora, que moitas veces resulta tamén aterradora. Padecer un cancro repercute directamente na vida diaria, limitando a actividade e a autonomía, con consecuencias no ámbito privado, familiar, social e laboral, e con efectos a distintos niveis, tanto físicos como psicolóxicos. Por iso, o apoio psicolóxico é unha peza fundamental para sentirse acompañado nestes momentos difíciles e soportar mellor o diagnóstico e o tratamento da enfermidade.
Doutra banda, de todos estes casos que se detectan, ao redor de 1.500 diagnósticos anuais son de cancro infantil (Federación Española de Familias de Cáncer Infantil). Nestes casos, a compañía de pallasos pode facer que aos menores hospitalizados lles pase o tempo máis rápido, así como xerar sorrisos, entretemento e diversión, o que axuda a vivir os momentos máis duros da hospitalización e a enfermidade de forma máis positiva. Tamén está demostrado cientificamente que o exercicio físico supervisado e adaptado pode ser unha terapia complementaria eficaz ao tratamento oncolóxico infantil, xa que axuda a mellorar a mobilidade funcional, o benestar emocional e a tolerancia aos tratamentos dos menores.
Alén do impacto físico e emocional nos nenos e nenas derivado da enfermidade e os seus tratamentos, con frecuencia o cancro supón unha interrupción prolongada da súa asistencia ao colexio, o que pode xerar atrasos académicos, sentimentos de illamento, perda de vínculos con compañeiros e unha maior dificultade para reincorporarse á aula tras o tratamento. Ante esta realidade, resulta fundamental desenvolver solucións que permitan manter o contacto coa contorna escolar durante o proceso oncolóxico.
Coas doazóns recibidas, estas organizacións poderán reforzar os proxectos que se describen a continuación.
Asociación Navarra de Cáncer de Mama (SARAY)
O Programa de Atención Psicosocial para personas con cáncer de mama y sus familias busca mellorar a súa calidade de vida. Ademais, evita situacións de desigualdade económica, xa que é totalmente gratuíto tanto para as persoas socias da entidade como para quen non o son.
As persoas beneficiarias do programa poden recibir, durante todo o proceso da enfermidade, atención emocional, psicolóxica, información, asesoramento e outros servizos, co obxectivo de humanizar a saúde. É unha atención centrada na persoa, desde o pleno respecto á súa dignidade e dereitos, e que conta coa súa participación efectiva. Todo iso desenvólvese, a través dun enfoque integral e unha diversidade de servizos que evitan situacións de desigualdade socioeconómica e de saúde.
Asociación Galega de Persoas Trasplantadas de Médula Ósea e Enfermidades Oncohematolóxicas (ASOTRAME)
O proxecto Servizo de atención psicosocial a pacientes oncohematolóxicos e as súas familias ofrece acompañamento emocional individualizado e atención social especializada a pacientes e familiares durante todas as etapas do proceso oncolóxico: desde o diagnóstico ata o tratamento, a recuperación ou unha posible recaída.
Ademais da axuda que brinda a psicóloga para reducir a ansiedade e mellorar o benestar emocional, a traballadora social orienta sobre recursos sociais e prestacións, favorecendo a autonomía e ferramentas para afrontar a enfermidade con maior seguridade e esperanza. Con alcance en toda Galicia, o proxecto desenvólvese en coordinación con hospitais de referencia e combina a atención presencial co acompañamento telemático para adaptarse a todas as necesidades.
Sonrisa Médica
O proxecto Acompañamiento pareja clown, 1 día a la semana, lunes por la tarde, en Hospital Universitario Son Espases (Mallorca) ten como obxectivo seguir brindando sorrisos ás familias que deben abandonar a súa contorna habitual para soportar o proceso terapéutico, mediante a metodoloxía do Pallaso de Hospital, que se quere incorporar como un máis dos servizos asociados ao proceso terapéutico infantil.
Mediante este proxecto búscase conseguir a humanización e transformación positiva da contorna sanitaria a través do humor, a música, a maxia e a ilusión; mobilizando emocións e liberando tensións de pacientes, familiares e persoal sanitario. Poder desfrutar da compañía dos pallasos fai que as horas pasen máis rápido e todo sexa máis doado para os nenos e nenas ingresados.
Fundación OC contra el Cáncer
O proxecto Buddy OC ten como finalidade reducir o illamento escolar e social de nenos e nenas con cancro durante o seu tratamento. A través de robots de telepresenza instalados nos centros educativos, os menores poden conectarse en tempo real desde o hospital ou desde o seu domicilio e participar activamente nas actividades escolares, mantendo o contacto cos seus compañeiros e profesores.
O proxecto contempla a cesión temporal dos robots aos menores que o necesiten, a coordinación cos centros educativos e as familias, a instalación e configuración dos dispositivos e o acompañamento técnico para o seu correcto funcionamento. Alén de mellorar o acceso á educación, contribúe ao benestar emocional dos menores ao preservar os seus vínculos sociais e o seu sentimento de pertenza ao grupo.
Fundación Unoentrecienmil
O proxecto Aceleradora: curación de peques con cáncer a través del ejercicio físico integra o exercicio físico supervisado como parte do tratamento de nenos, nenas e adolescentes con cancro. Desenvolto no Hospital Universitario La Paz de Madrid, ofrece programas individualizados adaptados a cada paciente, para minimizar os efectos secundarios da enfermidade e os tratamentos, mellorar a súa capacidade funcional e favorecer unha mellor calidade de vida durante o proceso oncolóxico.
A intervención combina sesións de exercicio físico adaptadas, asesoramento en saúde e seguimento de profesionais especializados en exercicio e oncoloxía pediátrica. A maiores do seu compoñente asistencial, xera evidencia científica para demostrar o impacto do exercicio físico en oncoloxía pediátrica e incorporalo na práctica clínica.
Esta campaña do programa Céntimos Solidarios de EROSKI colaborará coa Asociación Navarra de Cáncer de Mama (SARAY), a Asociación Galega de Persoas Trasplantadas de Médula Ósea e Enfermidades Oncohematolóxicas (ASOTRAME), a Asociación la Sonrisa Médica, a Fundación OC contra el Cáncer e a Fundación Unoentrecienmil.
Coa axuda que se espera conseguir con esta campaña, estímase que se proporcionará axuda a 3.506 persoas con cancro.
Asociación Navarra de Cáncer de Mama (SARAY) (web da entidade)
Asociación Gallega de Personas Trasplantadas de Médula Ósea y Enfermedades Oncohematológicas (ASOTRAME) (web da entidade)
Asociación la Sonrisa Médica (web da entidade)
Fundación OC contra el Cáncer (web da entidade)
Fundación Unoentrecienmil (web da entidade)




