O 20,8% da poboación española ten máis de 65 anos (INE, 2024). A soidade e os problemas de saúde teñen maior incidencia en certos grupos da poboación, especialmente no das persoas maiores.
A soidade neste colectivo vese favorecida polo feito de vivir sos, as redes familiares cada vez máis reducidas, os cambios nos modelos familiares en canto ás tarefas de coidado, a perda da parella, o fin do período laboral, a chegada da xubilación, a diminución das relacións sociais, limitacións físicas e de autonomía na vida diaria que lles dificultan participar na súa contorna… Tamén inflúen cambios sociais como os producidos polas tecnoloxías, que aumentaron os fluxos de comunicación, pero facéndoa menos intensa, fluída, cálida e profunda que no contacto persoal.
Segundo a OMS, a soidade non desexada supón un dos maiores riscos para a deterioración da saúde e un factor determinante que favorece a entrada destas persoas en situacións de dependencia. Trátase dunha condición que ten impacto directo na súa saúde física e emocional. A construción e interrelación coas redes de apoio é esencial para romper coas barreiras de illamento que xorden ao redor das persoas maiores. Os programas de voluntariado e os recursos de atención comunitaria deben ampliar os seus ámbitos de actuación e multiplicar os seus esforzos para chegar a un crecente número de poboación exposta a esta situación.
Doutra banda, as demencias como o Alzhéimer teñen unha maior incidencia nas persoas maiores: en España, o 34% das persoas maiores de 85 anos teñen unha demencia, no 60% dos casos é Alzhéimer (Sociedad Española de Neurología, 2024). As demencias conlevan unha gran necesidade de apoio e acompañamento, xa que a deterioración da función cognitiva fai que estas persoas necesiten axuda constante. Aínda que neste caso non estean soas, as consecuencias emocionais para as persoas acompañantes adoitan ser moi significativas, asumindo grandes cambios na súa vida e ter que adaptarse a unha situación dura, inestable e emocionalmente fatigante.
En calquera caso, tanto nos casos de soidade non desexada como nos casos de acompañamento a persoas con demencias, é esencial poder contar cos recursos necesarios para apoiar ás persoas que se atopan nesta situación e, no caso das persoas acompañantes, ofrecerlles tamén ferramentas de apoio.