Colaborar para proporcionar axuda humanitaria a persoas en países en vías de desenvolvemento e a persoas refuxiadas a través dos proxectos de Asociación Zehar-Errefuxiatuekin, Asociación Galega de axuda a Ucraína, Fundación Itaka-Escolapios, Salvamento Marítimo Humanitario e Sendera ONG.
En 2026, o mundo segue enfrontando grandes crises que provocan desigualdade, pobreza e obrigan a moitas persoas a fuxir en busca dunha vida mellor. Ademais, en moitos países existen problemas estruturais que dificultan cubrir as necesidades básicas. Un exemplo son as comunidades rurais de Bolivia, onde a limitación ao acceso á auga potable é grave e afecta directamente á saúde e a nutrición das familias, xa que o 80% das enfermidades máis comúns (como diarreas, parasitosis e conxuntivite) débense ao consumo de auga.
En comunidades rurais de Camerún e Mozambique, o dereito á alimentación infantil está gravemente vulnerado. A pobreza estrutural, a falta de acceso a auga potable e servizos básicos, así como a inestabilidade derivada de conflitos armados e desprazamentos forzados afectan directamente á infancia.
En moitas outras partes do mundo os conflitos armados, persecucións políticas, crises económicas e estragos do cambio climático empuxan a moitas persoas a buscar refuxio noutro lugar. Estas vulneracións de dereitos humanos continúan durante a viaxe, as persoas migrantes sofren violencia e enfrontan numerosos riscos (trata, violencia sexual, detencións, torturas, etc.). Segundo ACNUR (2023), máis do 70% das persoas refuxiadas presenta tensións, ansiedade ou trauma, o que dificulta a súa adaptación e integración na sociedade de acollida.
Neste contexto, o idioma é unha das principais barreiras para que estas persoas poidan utilizar servizos de apoio psicolóxico, social e laboral. As axudas especializadas e multilingües favorecen a súa integración e autonomía na sociedade.
Coas doazóns recibidas, estas organizacións poderán reforzar os proxectos que se describen a continuación.
Asociación Zehar-Errefuxiatuekin
O proxecto Reconstruir desde el cuidado: Apoyo emocional a personas refugiadas en Euskadi consiste nun servizo integral de atención psicolóxica nas provincias de Bizkaia e Guipúscoa para persoas refuxiadas, migradas e apátridas derivadas internamente desde os servizos de acollida de Zehar-Errefuxiatuekin que presentan afectacións psicolóxicas e carecen de redes de apoio. Baséase nun modelo de acollida que articula o apoio emocional cos equipos xurídico e social da entidade, para facilitar a súa integración e autonomía na sociedade vasca.
A intervención realízase mediante sesións individuais de acompañamento emocional e inclúe un servizo de interpretación multilingüe. Ademais, o equipo de psicoloxía elabora informes periciais especializados para as solicitudes de protección internacional, achegando unha valoración técnica sobre as afectacións derivadas da persecución ou a violencia.
Asociación Galega de axuda a Ucraína
O proxecto Atención integral a refuxiados ucraínos desprazados pola guerra consiste no desenvolvemento dun programa intensivo de adaptación lingüística dirixido a persoas refuxiadas ucraínas en Galicia, orientado a mellorar a súa autonomía persoal, o seu acceso a recursos básicos e as súas oportunidades de inserción social e laboral. A intervención céntrase na impartición de clases de español adaptadas ao nivel e necesidades dos participantes, con especial atención a persoas en situación de vulnerabilidade, principalmente mulleres e menores.
As sesións serán impartidas por unha profesora de español de orixe ucraína, o que permite eliminar a barreira inicial de comprensión e facilitar unha aprendizaxe máis rápida e efectiva. Esta intervención enmárcase dentro do programa integral da entidade, actuando como porta de entrada a outros servizos de apoio psicolóxico, social e laboral.
Fundación Itaka-Escolapios
O proxecto Alimentación digna para la infancia en África: comedores escolares y educación nutricional en Camerún y Mozambique ten como obxectivo garantir o acceso regular a unha alimentación adecuada, saudable e segura para nenos e nenas de entre 3 e 12 anos en contextos de alta vulnerabilidade. A intervención desenvólvese en centros educativos da rede escolapia en Camerún e Mozambique, onde os comedores escolares axudan a mellorar a saúde e o rendemento escolar do alumnado.
A actuación implica varias liñas de acción complementarias. Por unha banda, garántese a provisión directa de alimentos mediante a preparación e distribución de comidas adaptadas a cada contexto, alén de realizar avaliacións nutricionais para medir o impacto na saúde infantil e reducir os niveis de malnutrición. Doutra banda, incorpórase un enfoque preventivo e comunitario a través da formación a familias en hábitos de alimentación e hixiene saudables, mediante talleres participativos.
Salvamento Marítimo Humanitario
Aita Mari 2026 é unha intervención humanitaria consistente no rescate de persoas migrantes/refuxiadas no Mediterráneo central. Nos últimos meses, a presión exercida pola garda costeira libia no roteiro obriga ás persoas migrantes a desviarse e navegar por zonas alternativas, o que incrementa a inseguridade e o risco de naufraxio, pola dispersión e a precariedade dos botes que usan para desprazarse. Tamén se observou un aumento das embarcacións interceptadas e das devolucións en quente. En 2026, o barco Aita Mari levará a cabo 3 misións de salvamento. A dimensión humanitaria do proxecto compleméntase cun traballo de incidencia política denunciando ante as institucións públicas, mediante as redes internacionais e as súas propias canles, as vulneracións de dereitos humanos que se dan nos procesos migratorios. Así mesmo, outro eixo do proxecto é a sensibilización e a educación para a transformación social con numerosas actividades durante o ano.
Sendera ONG
Agua para las familias de Independencia, Cochabamba, Bolivia é un proxecto que contribuirá a facer efectivo o dereito humano a auga e saneamento no municipio de Independencia, Cochabamba, Bolivia. A necesidade xorde debido ao acceso limitado á auga e as súas consecuencias para a saúde das familias rurais.
O proxecto propón a construción dun novo sistema de canalización de auga potable, desde os mananciais das montañas próximas ata os fogares, para abastecer a toda a poboación da comunidade de forma continuada. Igualmente, levaranse a cabo actividades de organización e educación comunitaria para o mantemento e sostibilidade do sistema. Ao garantir o seu acceso á auga, a comunidade verá mellorada a súa nutrición, saúde e calidade de vida, a nivel xeral e, especialmente, as mulleres e os menores, que se encargan de recoller a auga das montañas na actualidade.
Esta campaña do programa Céntimos Solidarios de EROSKI colaborará con Asociación Zehar-Errefuxiatuekin, Asociación Galega de axuda a Ucraína, Fundación Itaka-Escolapios, Salvamento Marítimo Humanitario e Sendera ONG.
Coa axuda que se espera conseguir con esta campaña, estímase que se proporcionará axuda humanitaria a 2805 persoas en países en vías de desenvolvemento e persoas refuxiadas.
Asociación Zehar-Errefuxiatuekin (web da entidade)
Asociación Galega de axuda a Ucraína (web da entidade)
Fundación Itaka-Escolapios (web da entidade)
Salvamento Marítimo Humanitario (web da entidade)
Sendera ONG (web da entidade)






